Sunday 19 de May de 2024

A Xunta apoia a comercialización da artesanía de Galicia no nadal compostelán


— A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá a 11ª edición do Mercado da Estrela no que participan 33 obradoiros da marca

— Durante esta fin de semana estase a celebrar na Rúa de San Pedro a tenda efémera ‘Feria non Leria’ na que se pode atopar o traballo doutros cinco obradoiros artesanais , que conta tamén co apoio da Administración autonómica

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación impulsa a comercialización da marca Artesanía de Galicia durante a campaña de Nadal en Santiago de Compostela a través do apoio a dous eventos que se están a celebrar esta fin de semana: o Mercado da Estrela e a tenda efémera Feria non Leria.

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá a feira creativa do Mercado da Estrela, un festival gratuíto no que se amosa o talento e a creatividade de profesionais galegos de diferentes disciplinas e que se realiza en diferentes espazos: Claustro Procesional e Hospedaría de San Martiño Pinario, ademais da Obra Social de Abanca, este último ocupado en exclusiva por profesionais da marca Artesanía de Galicia.

A feira creativa está aberta ata esta tarde ás 21 horas e nela participan este ano un total de 33 obradoiros da marca Artesanía de Galicia: 31 expositores e dous obradoiros artesanais que están a impartir cursos dirixidos ao público familiar. Trátase dos obradoiros Como pez en el agua (Vigo) e Artesanía Silvent (Caldas de Reis).

Os expositores que participan nesta 11 edición do Mercado da Estrela son os ceramistas Susana Anta Cerámica (A Coruña), Cavalinho do demo (Fornelos de Montes), Cerámica Unzueta (Brión) e os talleres Peixe Nero, Artesanía Mirou e Blaurtopías, de Vigo; os oleiros de Buño (Malpica de Bergantiños) Obradoiro Gorín e Alfarería Lista; os obradoiros de debuxo Papelier (Baiona) e Eailustra (Cerdedo-Cotobade); os obradoiros composteláns Ilex Talla, de madeira, e Contraform, de bixutería; o obradoiro de escultura e vidro Batiskafo; os talleres Milena Colella e Latonta y larubia, especializados en xoiería, e os obradoiros de instrumentos musicais Artesanía JMR e Paparolo; os obradoiros dedicados á confección de prendas e de complementos de moda Sopa de Nuez (Lugo), Adanegra textil (A Guarda), Lumecú (Vilar de Santos) e Jerolas (Curtis); os obradoiros de Sanxenxo Lía B, dedicado á bixutería, e Leónlagata, especializado na bixutería e cerámica; o obradoiro de elaboración de xoguetes Enxógate (Quiroga); o de talla de pedra GSC Petrum (Cuntis); o de coiro Mimacuir (Taboada) e os de complementos de moda Melena de papel (Cangas), Paseloqpase (Ribadumia), Conloquetengo (As Pontes), Pasamarela (A Coruña) e Neplu (Santiago de Compostela).

‘Feria non Leria’
A través da Fundación Artesanía de Galicia apóiase tamén outro evento que se está a celebrar esta fin de semana en Santiago de Compostela. Trátase da tenda efémera Feria non Leria (rúa de San Pedro, 9) na que hai 5 expositores da marca Artesanía de Galicia: as compostelás Io Obradoiro téxtil, especializado na calceta e o gancho; Xiana Cobo, centrado na ilustración e na estampaxe; e Jatafarta, especializada no traballo do coiro; así como a cesteira Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño), e o obradoiro de xoiería Ferraxe de Prata (Teo). Así mesmo, poderanse atopar pezas doutros obradoiros da marca Artesanía de Galicia como Degerónimo, Sandra Vilas, Frank Buschmann, Variopinto, Anaquiños de papel, Mundaya ou Panos de aquí. O evento estará aberto hoxe ata as 21 horas.